ActividadesNoticiasSendeirismo patrimonial

FIXÉMOLO: ABRENTE VIVE DE NOVO!

Cunha certa calor de xustiza (tivemos un día realmente caloroso) o 17 de xullo cumplimos o prometido: arredor de medio cento de persoas das tres entidades convocantes, mais cidadáns e cidadás que se sumaron á iniciativa, entre os que estaban presentes directivos doutras asocacións veciñais e, alo menos que saibamos, unha persoa en representación dun dos catro grupos políticos que teñen representación no noso Concello (estaban convidados todos, ademais do concelleiro do ramo).

Así, con bo tempo e en boa compaña, logramos recuperar e repetir a imaxe que tomaran no ano 1936 os homes, e sobre todo as mulleres, do Grupo Alpinista Abrente, no mesmo lugar que elas chamaran o Monte Laurel, e homenaxeando ao daquela recén falecido Antón Villar Ponte.

Este primeiro acto cívico/deportivo/literario tivo unha grande carga de emoción polo que supuña estar na mesma pedra, rememorando aquela sentida homenaxe e en contacto coa natureza.

O amigo Man Castro, gran “culpable” de que retomaramos as notas de prensa dos anos 1935 e 1936, a traverso do seu libro Curiosidades ferrolanas II, recuperou a breve historia abrentista, e puxo a todo o mundo en situación, co nacemento e triste desaparición do grupo alpinista.

Os brioneses Manolo Vieito pola parte dos Comuneiros e José Oreona pola AVV Castelao de Brión, falaron do compromiso co Monte; e a nosa compañeira Sol Seoane recuperou e puxo voz ás letras de compromiso coa cultura e cos poetas que no seu día fixera a xoven Marujita Oseira.

Por  último, e por unanimidade, aprobouse incorporar aos estatutos da nosa entidade unha introdución de herdanza, así como engadir ao nome o de CLUB MONTAÑA FERROL – ALPINISTA ABRENTE 1935/36.

Finalizamos o acto quedando para o vindeiro ano, en réxime de autoconvocatoria e polas mesmas datas, para dar á luz un novo miradoiro, o adicado a Rosalía de Castro, dos 8 que chegaron a constituir no seu momento o Monte dos Poetas.