EscaladaNoticias

ROCÓDROMO: XUNTANZA CO CONCELLEIRO DE DEPORTES

Sabedes que desde hai ben tempo, o estado das instalación para a práctica da escalada en Ferrol son unha das nosas grandes preocupacións. Nos últimos días de xaneiro mantivemos unha xuntanza co novo Concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, para tratar o tema da viabilidade de ter de novo operativo o rocódromo da Malata no curto prazo.

Como xa vos comentamos con anterioridade, a resultas da inspección que se fixo tralas conversas que mantiveramos co responsable de Deportes do anterior goberno local, Suso Basterrechea, o panel vertical do rocódromo ficou clausurado por motivos de seguridade desde marzo de 2019.

A nosa meta é acadar unha solución para esta instalación municipal. Todos coincidimos en que o sitio non é o ideal, no lucernario ou pasillo central que une a tribuna do Estadio coa piscina do complexo deportivo da Malata, mais tamén é certo que non  hai en Ferrol outro lugar a cuberto coas cualidades de altura e disposición de espazo, e con dispoñibilidade horaria para a súa apertura.

Desde logo que o ideal sería un grande rocódromo como o recentemente inaugurado na cidade de Lugo, pero queremos ser posibilistas, e coñecemos como vai a tramitación deste tipo de asuntos na nosa cidade… así que, en troques de utopías, conformámonos con que todo o traballo que se puxo por parte de entidades e deportistas para ir montando unha instalación modesta pero xeitosa, volva a estar en condicións para a práctica da escalada deportiva.

O concelleiro comprometeuse a xestionar, nun breve espazo de tempo, a contratación da obra para recuperar a actividade no rocódromo; e nunha segunda fase, a abordar o tema da xestión do acceso individualizado á instalación.

Outras propostas que fixo o propio concelleiro para tentar facer en actuacións posteriores, serían as de adecentar todo o espazo, con mellora da iluminación e pintado das zonas.

Agardamos que, máis cedo que tarde, as propostas que vimos facendo desde o Club de Montaña Ferrol para esta instalación municipal, sexan unha realidade para ben de tod@s os ferroláns e ferrolás e amantes do deporte da escalada. Seguiremos informando…