DE NOVO O EUME: ALEGACIÓNS… MÁIS UNHA VEZ!
Esta administración autonómica, que nunca dá chegado a tempo a protexer o medioambiente (parques eólicos, incendios, zonas empresaríais, miñeiría, etc), despois de 25 anos e 7 propostas a cada cal máis frustrante, volve á carga co PRUX do Eume, onde unha vez máis non conta cos veciños que –hai que lembrar que– se nos chega ese parque até hoxe, é grazas a eles e á súa acción conservacionista, facendo o que sempre fixeron: coidar a terra, e que xa só por iso deberíaselles recompensar.
Pois téñena tomada tamén coas vías de escalada mais longas de Galicia, moitas delas abertas por compañeiros do club, nunha zona que é ladeira de granito puro… pois empéñanse en que na práctica iso é o que hai que protexer, e polo tanto, prohibir a escalada… TEIMA QUE TEÑEN!
Máis unha vez, presentamos alegacións, pois se alguén está a favor de protexer a natureza eses somos nós, moito antes de que se inventara a Consellería de Medio Ambiente. Aí pois fronte a prohibición: regulación.
PROPOÑEMOS:
- Que a zona de escalada quede como está na actualidade, recollendo as paredes até o río como ZONA DE USO LIMITADO.
- Que se poña en funcionamento dun xeito serio e real o control telemático.
- Que se regule a cantidade de deportistas que poden acceder a parede ao mesmo tempo.
- Que se abra un periodo de avaliación sobre a actividade, revisable cada 3 anos.
- Que se hai datos reais (e non teóricos) da presenza de nidificación, se prohiba o acceso en tempo de nidificación da especie.
- Que a difusión do parque, tal como se fai coas rutas de sendeirismo, incorpore como un elemento máis de dinamización, de coñecemento e económico, as vías de escalada que se recollen nas diferentes guías editadas xunto coa regulación para o acceso da propia actividade, para mellor información e coñecemento.
- Que se recoñeza ao colectivo montañeiro/escalador, agrupados nos clubes e Federación, como axente dinamizador e actor activo da cultura de conservación medioambiental das Fragas do Eume.
Anexos (PDF):