ActividadesNoticias

RECUPERANDO A MEMORIA DO GRUPO ALPINISTA ABRENTE

GRAZAS Á PRENSA ESCRITA IMOS RECUPERAR A MEMORIA DUN GRUPO DEPORTIVO FUNDADO EN 1935 E DE CURTA VIDA: O ALPINISTA ABRENTE DE FERROL

O Grupo Alpinista Abrente

En 1985, o Club de Montaña Ferrol recollía dun «fai 50 anos» tres notas de prensa duns percorridos que facía este grupo a finais do primeiro terzo do século XX.

Xa máis recentemente, o por todos coñecido xornalista ferrolán Germán Castro (Man), publicaba unha reseña algo máis ampla no seu último libro Curiosidades ferrolanas II, á vez que publicaba unha ampla entrada no seu blog. A revista Columba de Covas tamén fíxose eco, nun artigo de Mario Valdivieso. E tamén algúns socios do Club, documentaron as andanzas deste grupo peneirando as hemerotecas dixitais de diarios como o entón ferrolán El Correo Gallego e outros xornais e revistas gráficas da época.

Con todo este material, a ademais cunha foto do acto máis significativo que desenvolveu o grupo na súa curta vida, no daquela nomeado Monte Laurel (topónimo dun lugar que ninguén lembraba a día de hoxe), fíxose unha homenaxe ao daquela recén falecido escritor viveirense Antón Vilar Ponte, e do que foi difundido abondoso material gráfico na prensa da época.

Tirando do fío desta imaxe, e falando coa veciñanza de Brión, foron quen de localizar o penedo onde quedara ubicado o miradoiro co nome do egrexio escritor, e que formaba parta canda outros 8 penedos dos monta da entrada da ría de Ferrol, doutros tantos miradoiros adicados a escritoras e escritores galegos.

A derradeira nova que quedou impresa nos xornais da época data dos días inmediatamente anteriores ao golpe de estado de xullo de 1936 contra o goberno constitucional.

Este domingo 17 de xullo, o Club de Montaña Ferrol, os comuneiros e comuneiras do Monte do Chá, e a AVV Castelao de Brión, tentaremos repoñer un retallo desta nosa historia, que sirva de homenaxe, nese mesmo lugar, ás mulleres e homes que formaron este efémero club de montaña ferrolán, seguramente o primeiro de Galicia.

Nos últimos días deste mes de xullo, membros das entidades mencionadas estivemos limpando de toxo toda a contorna do monumento natural para identificalo e darlle visibilidade, e facemos unha convocatoria aberta a un acto civil para este domingo 17 ás 10.00 horas saíndo do lugar de O Viso (na estrada de San Cristovo-Brión), desde onde iremos camiñando ata a pena adicada a Antón Villar Ponte, rememorando as andainas montañeiras dos nosos devanceiros hai case 90 anos.

Esta previsto contar coa presenza de Germán Castro, que oficiará de cronista e fará unha breve semblanza do Grupo Alpinista Abrente. Os comuneiros e a asociación veciñal de Brión falarán da recuperación deste lugar para a nosa memoria, e lembraremos a iniciativa que levou a declarar esta paraxe como o Monte dos poetas.

Para finalizar, o Club de Montaña Ferrol prevé xuntar, en asemblea xeral extraordinaria, ás socias e socios para proceder a mudar o seu nome, incorporando o histórico «Alpinista Abrente» á súa denominación, e introducindo nos seus estatutos unha mención específica a este grupo que nos albores do século XX, como anticipaba o seu nome, comezaron a andar -desde Ferrol- as nosas montañas; e do que declarámonos con este acto, herdeiras e herdeiros da súa memoria.

Descargar o Caderno conmemorativo: Grupo Alpinista Abrente (PDF)

Descargar o Caderno conmemorativo: Grupo Alpinista Abrente (PDF)