ActividadesNoticias

COVID-19: ACTUALIZACIÓN INFORMATIVA E ACTIVIDADES

Ante a actual situación por mor das medidas de confinamento ditadas polas autoridades, en días pasados a directiva do club mantivo unha reunión por medios telemáticos, e adotou as seguintes medidas:
 
ACTIVIDADES
A día de hoxe foron suspendidas as actividades axendadas no calendario anual como a das Médulas, desconvocada por precaución antes de que se decretara o estado de alarma. As seguintes actividades programadas xa nin sequer foron convocadas, como o Camiño dos Arrieiros e o XV Descenso a Pé do Río Belelle, a derradeira edición da nosa marcha de 30km, que tiña que celebrarse precisamente hoxe sábado 25 de abril.
 
O mesmo sucede coas actividades de Penarrubia e unha de escalada na Cordilleira tamén estaban programadas para os vindeiros días. Tal e como está a situación vai a ser moi difícil facer algunha actividade antes do verán, e máis se non abre a hostelaría, o que seguramente tampouco faga posible a actividade en Babia, e en xuño as actividades de Montañas en Ourense e a edición dos 50 km a pé da Costa Ártabra en Ferrol.
 
Quedamos pois á espera de recuperar o que se poida do calendario, e quizáis algunha actividade pase para o segundo semestre, como o Descenso do Belelle, se é posible e aconsellado en función dos acontecementos, sempre coa ollada posta nas medidas hixiénicas e de distanciamento físico, para minimizar os riscos de contaxios. Iremos vendo como está a situación en cada momento.
 
COTAS DE ACTIVIDADES
As persoas que estaban anotadas para a Andaina das Médulas da Leitosa poderán pasar polo local do club (en canto sexa permitido volver a abrir) para recuperar o pago efectuado ou deixalo para a vindeira saída con desprazamento, como queirades.
 
COTA DO CLUB
Un trimestre da cota de socio/a non se pasará ao cobro, así que a cota anual de 2020 para os que teñen a modalidade trimestral serán tres pagos; quen teña a modalidade anual farase un cálculo proporcional, nun único cobro.
Os soci@s que xa aboaron a cota anual de 2020 en efectivo no local, poderán pasar polo local (igualmente, cando sexa premitido abrilo ao público) para reintegrarlles a contía proporcional que non se vai pasar a cobro
 
Agardando que esteades todas e todos con boa saúde e bo ánimo, recibide unha forte aperta e saúdos!
 
CLUB DE MONTAÑA FERROL
 
(Foto de cabeceira: Belelle — Río Cuberto, de Rodrigo Díaz)