Noticias

PETICIÓN AO ALCALDE E AOS GRUPOS MUNICIPAIS PARA A REVISIÓN DOS PROCEDEMENTOS NAS SUBVENCIÓNS

O pasado 22 de xaneiro mantivemos á fin, unha amigable reunión co concelleiro de Deportes de Ferrol Suso Basterrechea, da cal tiramos cousas positivas para a resolución das problemáticas que afectan ao rocódromo, como xa vos comentamos nesta entrada e como publicou o Concello nesta nota de prensa.

No punto onde en principio non houbo acordo foi no tema da actual redacción dos convenios coas entidades sociais, e máis en concreto coas deportivas, polo cal sanciónase económicamente (no noso caso con máis do 10% da cantidade que nos subvencionaban en 2017) pola tardanza no farragoso proceso burocrático de xustificación.

Porén, o Club Montaña Ferrol dirixiu 6 escritos ao concello (a copia está ao pé desta nova) dirixidos ao Alcalde a aos voceiros e voceiras de cada un dos grupos políticos con representación na Corporación municipal, solicitando a eliminación deste artigo.

Como lle aclarabamos ao Concelleiro de Deportes na última e forzada entrevista, este tipo de redacción SANCIONA (e porén castiga) a actividade dos directivos das entidades, que temos que lembrar, traballan para as mesmas e para cumprir os seus fins sociais de forma totalmente voluntaria e altruista.

Por todo isto, aínda por riba hai que aturar esta insultante detracción económica para a entidade, que ao final recae sobre as súas actividades e sobre as veciñas e veciños de Ferrol que desfrutan delas.

Peor aínda se reparamos en que o traballo burocrático do propio Concello nunca funciona de forma actualizada, e faino aínda peor desde que na anterior lexislatura laminaron o Padroado de Deportes para convertelo nun negociado ao nivel de cemiterios e xardíns.

Con este tipo de actuacións municipais obviase ás máis de 100 entidades deportivas, con centos de directivos e milleiros de deportistas, que están a facer unha labor de dinamización social sen ánimo de lucro. Esta maneira punitiva de lexislar é un auténtico xogo sucio, poñendo paus nas rodas á actividade das entidades cando deberían axudarnos.

Como exemplo deste despropósito: a día de hoxe entrado 2019, o Concello de Ferrol aínda non presentou para asinar o convenio co Club de Montaña do pasado ano 2018. Paradoxalmente tal e como está redactada a normativa municipal xa estamos incurrindo na acumulación dos prazos polos que poderemos ser sancionados económicamente… cando o Concello nin sequera foi quen de cumprir en tempo a súa parte!

A tarefa da Administración municipal, e así o temos transmitido ás diferentes corporacións desde hai anos, non pode ser torpedear a acción directiva dos clubes e entidades, antes ao contrario deberían traballar por facer máis doado o traballo voluntario a prol da sociedade. Pero está claro que, se as anteriores corporacións non foron quen de actualizar o Padroado, e mesmo o Partido Popular eliminouno por consideralo un gasto supérfluo, sen alternativa participativa, chegamos a situacións como esta que solicitamos reverter, onde a complicación dos procesos burocráticos rebenta a propia burocracia desde dentro con este tipo de medidas sancionadoras antisociais.