EscaladaNoticias

Novidades sobre a zona de escalada do Canón do Eume

O pasado sábado 8 de setembro, namentras o groso da xente do club participaba na IX edición da nosa marcha polas Terras de Cedeira, varios compañeir@s do club foron facer as vías de escalada en adherencia máis longas de Galicia no Canón do Eume, na zona do Parque Natural das Fragas, para así avaliar tamén os posibles danos do último derrubamento do que foron testemuñas no momento en que se producía, e do que alertamos recentemente.

Así, os máis de 300 m das vías Mestizaje e Siesta del Bíceps, foron ascendidas en paralelo… iso si, o que chegou de último pagou o requeixo en Goente.

Tamén rapelaron toda a vía Ollos Verdes, onde se produxo o derrubamento a outra semana. Por sorte verificouse que non afectou a ancoraxes nin reunións nesta vía de escalada, polo que pode escalarse sen problema, sempre extremando as precaucións tanto a hora de escalar como de camiñar pola ruta da canle.

Revisa o noso apartado de publicacións para obter información técnica das vías de escalada no Canón do Eume.