ActividadesFotografíaMarcha NórdicaNoticiasSendeirismo

SAN BERNARDO NO FORGOSELO E OUTRAS ACTIVIDADES

Esta fin de semana tivemos varias actividades, acompañadas polo bo tempo e a boa compaña.

O sábado 16 comezamos cunha nova xornada de iniciación á Marcha Nórdica en Narón, coa colaboración do Concello de Narón e a Federación Galega de Montañismo, con excelente afluencia de público.

Tras unhas nocións teóricas e prácticas no local da AVV de O Couto, tiramos a camiñar cos bastóns específicos desta modalidade deportiva polo tramo do Camiño Inglés que atravesa a zona.

E xa na matinal do domingo 17 comezamos a xornada cunha sesión de iniciación á fotografía, onde poidemos tomar unhas nocións e poñelas en práctica.

Para finalizar este reconto de actividades, e xa ao mediodía, celebramos a tradicional xuntanza na honra de San Bernardo de Menthon, ese santo que gañou o ceo facilitando o tránsito polos pasos dos Alpes aos viaxeiros alá polos séculos X e XI.

Despois de comer fixemos un paseo pola contorna dos montes do Forgoselo ata o Pico Ventoso, onde aproveitamos para facer a tradicional foto de familia baixo un sol ben xeneroso.

Lembrar a tod@s os que non poidechedes estar por diversos motivos (esta finde había todo tipo de actividades por todas partes, e nalgunhas delas participaron soci@s do club) que botámosvos de menos… pero sobrar, sobrar, do churrasco non sobrou nada!