ActividadesNoticias

As fotos do Un de Xaneiro e balance de actividades

Aínda estamos nas datas do nadal pero xa podemos facer balance das actividades que desenvolveu o club durante estas festas.

Comezando polo final, xa tedes no blog do Un de Xaneiro todas as fotos da subida a Chamorro deste 2018, e tamén dos anos anteriores desde 2004 nada menos!

Por outra banda, desenvolvemos outras actividades como as exitosas xornadas de iniciación á escalada no rocódromo, que achegan o noso deporte ao público xeral, e especialmente aos máis cativos da casa.

Tamén tivemos dúas ocasións para «queimar» esas enerxías de máis que nos proporcionan os turróns e outras comidas e sobremesas típicas destas datas. Foi no fondo da ría de Ferrol, nunha ruta circular saíndo desde o paseo de Xuvia.

E na véspera da Noiteboa tivemos a grande cita coa Orientación co IV Rogaine Sendeiros de Fene, carreira nocturna que decorreu polas terras de Limodre, para o que contamos coa colaboración da Asociación de veciños e veciñas desta parroquia fenense.

A parte fotográfica estivo cuberta cunha proxección sobre Australia e unha saída de iniciación á fotografía das cousas miúdas, ademáis dalgunha charla e o pincho de fin de ano co que despedimos 2017 na sede do club.

…queres máis razóns para facerte soci@ do Club Montaña Ferrol? Xúntate a nós para poder seguir desenvolvendo estas e outras actividades.