Teixido a pie (50 km)
Cara a Teixido, no cabo do mundo
…. quen non foi de vivo!.
De sempre, posiblemente xa dende antes do cristianismo, por algún motivo, Teixido, no pé da Serra da Capelada, no Cabo Ortegal, era lugar de peregrinación ou romaría. Na medida en que o camiñante, vaia cara a ese norte, darase conta de que os paisanos lle chamarán romeiro e non peregrino, que nos soa a algo máis moderno e comercial. Neste folleto, o Club Montaña Ferrol pretende falar dunha ruta que está a desenvolver dende o ano 1999, que non é nin mellor nin peor ca outras, é simplemente a que fomos deseñando para camiñar con facilidade, sen esquecer que, como dicía a socióloga: “alí dende onde veu un camiñando, hai un camiño a Teixido”. Porén, dende todo Ortegal tamén se chegaba a Teixido, e dende As Pontes, e dende Guitiriz, e dende Pontevedra (onde aínda se mantén unha grande tradición). Sen esquecer que quen deixou un itinerario escrito foi o noso Frei Martín Sarmiento, e que os que lle deron o pulo moderno para a súa recuperación foron os do Concello de Narón. Por todo isto, que cada quen escolla o seu camiño…, pero que se lembre de non ir de morto.
KM 0 – Porto de Ferrol.-
O porto de Ferrol, é o comezo tamén do Camiño Inglés a Compostela. Por dentro da ría de Ferrol nun itinerario urbano, que camiñará parello ás fortificacións creadas nos tempos da Ilustración, aló polo século XVIII. A continuación: todo o muro do Arsenal militar
KM 1 – Porta do Dique.- Esta porta representa unha das entradas máis elaboradas ó Arsenal militar, que se foi constituíndo a partires do S. XVIII, e no que no seu contorno medrou Ferrol. A continuación: prosigue o muro do Arsenal, o edificio de Ferrerías (futuro Museo Naval), a porta do Estaleiro Navantia-Ferrol, e o cuartel de Dolores (tamén do S. XVIII).
KM 2 – Porta do Estaleiro.- Seguindo as longas paredes dos arsenais e do estaleiro, chégase a unha Porta do 1750, lugar por onde a tecnoloxía entrou a estas terras, cara á fabricación da flota naval de España. A continuación: baixada urbana, porta de Navantia-Ferrol, escola da Armada, Conservatorio, Enseada de Caranza.
KM 4 – Capela de Sta. María de Caranza.- Pequena capela, no medio do paseo marítimo de Caranza, que veu pasar a historia deste barrio que deixou de ser unha zona rural nos anos 60 a converterse no principal núcleo poboacional de Ferrol. A continuación: paseo e praias de Caranza, cruce inferior da estrada das Pías, entrada de Ferrol, enseada da Gándara, polígono industrial.
KM 5 – Paseo Marítimo de Narón.- Fronte a un concesionario de coches, cóllese á esquerda un paseo marítimo que pouco a pouco nos alonxa da zona industrial e nos achega ó mar. A continuación: percórrese todo o polígono ata unha rotonda final, e se atopa o acceso á autoestrada.
KM 6’5 – Fonte do Vilar.- Pola popular fonte, con río de lavar, crúzase por debaixo a vía do tren, para entrar na zona residencial da Faísca, no barrio d’O Couto. A continuación: cara á dereita atravésanse as rúas ata alcanzar a parte superior (esta zona foi un asentamento prerromano), para descendermos por unha inclinada pendente, entre o acceso á autoestrada e unha urbanización.
KM 8 – Mosteiro d’O Couto.- San Martiño, edificación Románica. A parte máis representativa son as súas ábsidas posteriores; aquí é posible atravesar cara a Neda pola ponte do Tren. A continuación: pequena costa arriba, para cruzar na dereita a autoestrada, baixando polo barrio de Cornido, pasando por diante dunha central de transformación eléctrica, se chega a un antigo serradoiro e se descende cara á ribeira.
KM 9,5 – Muíño mareal das Aceas.- Grande edificio, con enseada que aproveitaba o movemento mareal para o funcionamento do muíño. A continuación: chegada á zona do Ponto, e desvío do camiño de Compostela (á dereita), cara á ponte que leva o albergue de peregrinos de Neda. E cara á Estrada de Castela (antiga N VI), despois do cruce, collemos de fronte a estrada do Feal.
KM 10’5 – Ponte do tren de Ansede.- Antiga ponte que pasa pola vía do tren, camiño do Feal. A continuación: pásase unha Taberna e un local social, se abandona a estrada por outra, tamén á dereita, e que cando volve xirar dá lugar a unha corredoira.
KM 12 – Corredoira do Feal.- Antigo camiño entre eucaliptos, que pasa preto do cemiterio de Narón (á esquerda). Nas inmediacións está o castro de Sequeiro. A continuación: desemboca entre unhas casas novas e sáese á estrada Xubia-Castro, pasando por diante dun restaurante.
KM 13’5 – Pazo Libunca.- Chalé modernista, recuperado como hotel-restaurante. A continuación: pásase pola súa fronte seguindo a estrada.
KM 14 – Cruceiro da Pena de Embade.- Cruceiro popular, recuperado hai pouco tempo, despois de estar desaparecida a súa parte superior. A continuación: séguese a pista asfaltada entre casas, se deixa unha pequena granxa de caracois á dereita, ata pasar por riba de autovía A-65 (Ferrol-Vilalba). Nada máis pasala, vírase á esquerda por unha pista de terra.
KM 15,5 – Estación militar da Carreira.- Esta é unha estación de transmisión da Armada, chamada a converterse en zona de ocio. A continuación: alcánzase a estrada Castro-San Sadurniño, se percorre cara á esquerda ata as primeiras casas.
KM 16 – Corredoira da Boieria.- As casas atravésanse e se inicia unha pista. A continuación: estamos na parcelaria de Boieria (futuro polígono industrial), entre eucaliptos, xestas e silvas. Chégase a outra asfaltada, que nos leva cara á dereita, e despois dun tramo de terra, sae por outro asfaltado.
KM 18,5 – O Carballo.- Na parroquia de Sedes. Ó cruzar a estrada Sedes–Valdoviño, escomeza unha fortísima pendente. A continuación: pódese facer por asfalto, e atopamos a Fonte da Moura, ou xirar á dereita ata a primeira pista da parcelaria, para rematar facendo o derradeiro tramo por un corta-lumes, moi forte, pero se recomenda pola vista que hai dende o cume, xusto por debaixo dun muíño de vento.
KM 20 – O Esperón.- Impresionante miradoiro natural, e que cunha lenda que conta que o monte está cheo de auga. Un pouco máis enriba está o Coto dos Nenos, xacemento megalítico con profusión de enterramentos e futuro centro de interpretación. A continuación: pódese facer pola parte baixa, seguindo a estrada asfaltada, onde se atopará un cartel explicativo do camiño, posto polo Concello de Valdoviño. Pero é mellor seguir pola pista de terra, nada máis collela, virar á esquerda ata unha liña de tensión e continuar ata un regueiro.
KM 21 – Marco de Portonovo.- O gran marco de pedra está en posición horizontal. Este é o lugar onde se xuntan os Concellos de Valdoviño, Narón e San Sadurniño. A continuación: un quilómetro máis de pista de terra e sae a unha asfaltada.
KM 22 – Lobeira.- Este é un rueiro de San Sadurniño. A continuación: Chégase ata a estrada San Sadurniño-Valdoviño, que se atravesa para seguir por pista de terra, collendo rapidamente pola dereita, entre casas moi dispersas.
KM 28’5 – Loiba.- San Pedro, ten unha igrexa, e diferentes vestixios megalíticos. A continuación: cóllese a estrada cara ó encoro, ata a liña de alta tensión, por onde se colle monte a traveso ata a auga. KM 30 – Encoro das Forcadas.- De aquí sae a auga para toda a bisbarra de Ferrolterra. Ten instalacións recreativas de remo e vela. A continuación: atravésase a presa, se percorre algo de asfalto, e se desvía cara á esquerda, tamén por asfalto.
KM 32 – Capela da Fame.- Capela de Liñeiro, lugar onde, dende sempre, parábase a comer despois dun, xa, longo camiño. A continuación: sáese á estrada de Vilarrube, e se cruza cara ó lugar da Escola, onde un estreito camiño en descenso por un eucaliptal dará paso a unha forte baixada, ás veces asfaltada, cara ó río divisorio de Valdoviño e Cedeira.
KM 35 – Porto do Cabo.- Lugar creado para os romeiros, entre as súas casas consérvase o antigo Hospital de Romeiros, e aquí as “Caldupeiras” facían o caldo para os camiñantes. É importante tamén a ponte medieval que dá paso ás terras de Cedeira. A continuación: coller á esquerda por asfalto, e ó pouco atravesando, remontar pola forzada pendente da Costa de Aro.
KM 36 – Costa de Aro.- Corredoira entallada na terra entre eucaliptais que nos levará ata casas, xa en camiño asfaltado. A continuación: despois das casas, seguir remontando un pouco máis.
KM 36’5 – Posto de Ferrar.- Este é un lugar típico de paso, e sempre hai algunha persoa maior á que se lle pode preguntar sobre o camiño. A continuación: sáese a un cruce de estradas, pero será á esquerda cun pequeno descenso. Ó fondo, como referencia, a escola indiana reconstruída. Podemos ir algo á dereita ata a saída da aldea, ou ben por unha recta en baixada, e sube directa á escola.
KM 37 – Sisalde Menor.- Cruce obrigado. Hai posibles alternativas, pero todas pasan por enriba da escola. A continuación: Se collemos pola dereita, atravesamos a estrada de San Román e, ascendo cara á esquerda, entramos no eucaliptal por pista asfaltada. Se collemos pola esquerda, directos á escola, ó chegarmos onda ela volve a collerse á esquerda, ata un transformador, dende onde se segue a liña de alta tensión, por terra nun eucaliptal que nos deixará na estrada máis arriba.
KM 39’5 – Viciñeira.- Na estrada de Campo de Hospital–Cedeira. A continuación: tamén se cruza a estrada para remontar por outra estreita asfaltada entre casas que dá lugar a un gran “Z”, desembocando noutra asfaltada máis importante, seguindo por ela entre eucaliptos. Hai unha alternativa, polo camiño vello, que vai a cen metros da estrada, pero adoita estar pechado de silvas.
KM 42’5 – Candales.- Lugar xa no medio da Capelada. O camiño vello segue polo medio das casas nun estreito desvío pola esquerda, cun lavadoiro en pedra, sempre cheo de plantas. A continuación: a) de seguir o camiño antigo, pasaríamos polo medio da aldea e sairiamos de novo á estrada xeral, pero logo teriamos uns cantos quilómetros en asfalto, pasando polo lugar de Viriño. b) antes de coller cara a aldea, é mellor coller unha pista de terra que se introduce en zonas de repoboación de piñeiro. Na parte alta, abandónase para meterse entre os piñeiros e atravesar o regato do fondo do val, para recuperar a pista na zona alta.
KM 44’5 – Miradoiro de Edreira.- Nunha grande curva de terra, sobresae unha pena, que ten restos dunha varanda e unhas escaleiras; sen vexetación a vista sobre Cedeira é incrible. A continuación: descéndese da pista, polas futuras instalacións dun cámping, ata coller o camiño da valgada que desemboca en Reboredo.
KM 45’5 – San Roque de Reboredo.- Capela do S. XVIII, con fonte en pedra. A continuación: seguimos pola estrada, pasando polas casas, e remontando cara a un paso de gando canadiano, e no cruce de terra, escoller a pista da dereita que ascende, cara un piñeiral. Estabilízase e aparecen unhas vistas da zona dos Peiraos e chega á estrada de Teixido, pola que iniciamos a costa embaixo.
KM 49 – Comezo da Costa e amilladoiros.- Chégase ó principio do Camiño Vello; é imprescindible foto con Teixido á fronte. Hai pouco modificado con bancos e postes de pedra. A continuación: hai 1 quilómetro de baixada irregular, con terra e pedras, que pode ser complicados en inverno.
KM 50 – Teixido (Santo Andrés) Casa Pendáns Taberna do Feal O Astur
Mapas
[singlepic id=45 w=320 h=240 float=] | [singlepic id=46 w=320 h=240 float=] |
Galería
[nggallery id=11]