REUNIÓN CO CONCELLEIRO DE DEPORTES DE FERROL
O martes 22 de xaneiro mantivemos unha reunión co concelleiro de deportes de Ferrol Suso Basterrechea, tras telo solicitado varias veces, como así lle amosamos ao concelleiro coa entrega dos correos enviados en diferentes ocasións, sendo a última medida e xa para chamar dalgún modo a atención, o “trekking reivindicativo” do pasado sábado.
Acordo sobre o rocódromo
O concelleiro recoñece a labor do club, así como a falta de adicación a esta instalación municipal desde a concellería, e que desde hai anos tenta dinamizar o Montaña Ferrol. Suso Basterrechea transmitiunos que hai un compromiso do propio alcalde, como responsable da implantación de novas tecnoloxías, conforme vaise instalar o acceso controlado que demandamos, de xeito que funcione como no resto das instalacións deportivas do concello, cun control de datos centralizado desde a propia concellería. O periodo de execución será inmediato, antes de 4 meses.
Por outra banda informounos que está en marcha a contratación da revisión da instalación, á que hai anos que non se lle fai, e que polas características da mesma é necesaria.
No tema do control de acceso ao rocódromo, unha carga administrativa que até o de agora facía o Club de Montaña Ferrol sen recibir contraprestación ningunha, agora vaise realizar directamente desde o concello recuperando así a posibilidade de que outros federad@s poidan volver a usar a instalación, tal e como lles demandabamos, pois desde xaneiro de 2018 o club xa lle comunicara ao Concello que só tramitaría o acceso dos federad@s no noso clube, polo que moitos deportistas durante todo o ano quedaron sen a posibilidade de utilizar a instalación moi ao noso pesar.
Sancións draconianas na xestión administrativa dos convenios
Finalmente, no punto referente á retirada do capítulo de sancións que penaliza os convenios de colaboración coas entidades do tecido asociativo, non houbo acordo en como desenvolver o tema. Desde o club trasladámoslle ao concelleiro que sancionar económicamente é antisocial, e máis tendo en conta o funcionamento a nivel burocrático do propio concello, que en cuestión precisamente de prazos deixa moito que desexar.
En liñas xerais, no que se refire ao rocódromo, o Club de Montaña amósase satisfeito, sempre e cando se desenvolvan os acordos. Non así no referente ao tema da xestión burocrática dos convenios, no que seguimos a afirmar que o Concello está alonxado da realidade social.