URXENTE: CHOVE SOBRE MOLLADO NO ROCÓDROMO DE A MALATA
Con fondo pesar temos que informar que, un ano máis cando comezan as chuvias e o inverno, o Rocódromo de A Malata anegouse por mor do inadecuado mantemento do edificio municipal no que está instalado, provocando estragos na instalación feita polo Club de Montaña Ferrol.
Esta instalación deportiva municipal, que debe ser a única do noso concello que foi equipada case enteiramente de forma privada, cos recursos do noso club e co esforzo e traballo persoal dos nosos socios e socias, está adicada á escalada e é xestionada polo Club de Montaña Ferrol para desfrute de todos os ferroláns e ferrolás, mediante a realización habitual de xornadas de iniciación abertas á cidadanía, e tamén mediante accións de colaboración específicas con outras entidades do tecido asociativo ou colectivos en situación de vulnerabilidade da nosa comarca.
Mal estado das instalacións
Todos os anos o Club de Montaña Ferrol ten que denunciar diante do Concello que cando non é por un cano roto, é por unhas obras mal executadas… o caso é que as instalacións, que contan cun uso moi intenso, non parecen merecer maior atención por parte do noso concello, estando baixo mínimos o seu coidado… e así mandato tras mandato municipal segue a chover sobre mollado…
Control de acceso
Alén desta situación de emerxencia provocada pola entrada de auga e inundación, o Club de Montaña, como xestor do espazo, leva solicitado un control de acceso á instalación do rocódromo, ubicado no lucernario do estadio municipal. A escalada é unha actividade potencialmente de risco, que require coñecementos e supervisión para a súa práctica, así como material e cobertura de seguridade axeitados. Seguridade que non se pode garantir se o espazo é accesible por persoal de forma incontrolada.
Acción reivindicativa
A nosa entidade xa ten avisado ao Concello de que ao longo do mes de novembro desenvolveremos unha acción montañeira reivindicativa a prol dunha solución, a ver se así e dunha vez centran un pouco máis a atención a outros deportes como os de montaña, e nomeadamente a escalada, cuxa práctica non competitiva pode ser minoritaria, pero que reporta beneficios para a saúde física e para o desenvolvemento en valores das persoas; sendo dos poucos deportes que poden practicar nenos e persoas maiores, de calquer idade, xunt@s en compaña.
Queremos seguir levando Ferrol ao máis alto, e se non é moito pedir, cos pés secos!
Chove sobre mollado no rocódromo da Malata. Non, non é unha broma nin un xogo de palabras. É a triste realidade. As imaxes son de hai uns minutos, moito do traballo feito coas mans dos nosos soci@s para desfrute de todos os ferroláns e ferrolás quedou estragado 😢 pic.twitter.com/wGuaXWPrQ5
— Club Montaña Ferrol (@cmferrol) 30 de octubre de 2018