EscaladaNoticias

Precaución nas zonas de escalada do Encoro do Eume

Transmitimos o aviso para que teñades precaución na zona de escalada do Encoro do Eume. En concreto a zona afectada é no canón por onde decorre a canle en desuso que vai até a central de Ventureira: sufriu varios derrubamentos e a caída de rochas causou desperfectos no muro da canle uns metros máis aló dun derrubamento anterior no que se tendera un cable de paso sobre a repisa da rocha.

O derrubamento veu ao longo de varios treitos da vía de escalada Ollos Verdes, polo que de seguro afectou a algunha ancoraxe, reunión, etc. Pregamos extremar as precaucións pois aínda non sabemos en que condicións está.

Igualmente aproveitamos para lembrar que a escalada na zona do P.N. das Fragas do Eume está suxeita a autorización previa solicitude dirixida á autoridade competente da Xunta de Galicia. No club temos modelos de solicitude á vosa disposición.