Actividades para antes do Nadal…
Vimos de pechar a semana conmemorando o Día Mundial das Montañas cunha ruta polas Penas Louseiras, montes que estiveron afectados polo lume este outono de seca.
Para esta semana que entra, e antes da noiteboa, propoñémosvos varias actividades.
O mércores 20 de decembro celebraremos o tradicional pincho de fin de ano, será no local do club na Rúa Coruña 102, ás 21.00 horas.
O venres 22 polo serán, lotaría de nadal mediante, teremos unha charla sobre o uso das redes sociais orientada a socios e socias que queiran saber máis sobre as interioridades e uso deste tipo de ferramentas; e tamén para animarvos a colaborar na dinamización dos espazos que mantén o club en distintos medios sociais para a difusión da súa actividade á sociedade. Será ás 19.30 h. Anotádevos e vide cos vosos trebellos!
Lembramos tamén que segue aberta a inscrición para as actividades de iniciación á escalada en rocódromo, anque xa están esgotadas as prazas para as dúas primeiras xornadas, máis información aquí.
Sábado 23 Rogaine Sendeiros de Fene en Limodre
E o sábado pola tarde a partir das 18.30 h terá lugar unha nova edición da exitosa carreira de orientación nocturna que xa vai converténdose nun clásico. Sairá do parque da Hortiña, a carón do local social da Asociación de Veciños de Limodre.
Ide lixeir@s porque as inscricións rematan o mércores 20 ás 22 horas. Hai dúas categorías, para poder iniciarse neste fermoso deporte, sós ou en boa compaña, no ambiente emocionante que dá a escuridade da noite nestes días tan especiais.
TODA A INFORMACIÓN SOBRE A IV ROGAINE SENDEIROS DE FENE AQUÍ