Crónica da ascensión
Miguel Pita Galego e Jose Manuel Fernández ó Artesonraju (6025m.)
Por Miguel Pita GalegoNo mes de Xullo de 2002 tivémo-la sorte de poder visitar o Perú, de vivir durante 30 días no interior das montañas da Cordillera Andina. A nosa principal intención, a nivel deportivo, era a ascensión do Nevado Yerupaja. Esta montaña ten unha altitude de 6634m e está enclavada na Cordillera Huayhuash, un pequeño pero salvaxe macizo montañoso situado a uns 300km ó norte da capital do país, Lima.
A viaxe ofreceunos dende o primeiro momento todo aquelo que puideramos esperar del. Para nós, que nunca pisaramos outras terras que as europeas, o encontro cara a cara coa realidade sudamericana foi moi forte e permitiunos coñecer de primeira man a precaria situación na que as xentes se atopan día a día. Tivemos a oportunidade tamén de apreciar o elevado grao de xenerosidade das persoas coas que convivimos na nosa estancia no país.
Chegamos ás montañas despois de 36 horas de viaxe. Arribamos a Huaraz, cidade capital dos Andes peruanos no mencer do noso terceiro día de viaxe e ollamos tódolos nevados (montañas de máis de 5000m) que a rodean, con enorme emoción.
Huaraz atópase a 3200m de altitude e nela permanecimos dous días preparando todo aquelo que necesitabamos para estar durante 25 días no interior do Huayhuash. Aproveitamos tamén para que o noso corpo se fose adaptando á altitude. O día dous de Xullo saímos nunha destartalada furgoneta rumbo ó noso obxectivo. Imos acompañados por Justiniano, un rapaz huarazino que vai facer funcións de garda de campamento e cociñeiro. Tres días despois xa estamos no campo base do Yerupaja, a 4050m de altitude, tras percorrer 130km en furgoneta e 40Km a pé.
O mencer do primeiro día foi espectacular: frío e radiante. A calma das augas da Lagoa de Jahuacocha reflexaba a silueta do Rondoy e do Jirishanca.
As seguintes catro xornadas estiveron marcadas pola enfermidade de Jose que, ademáis de facelo sufrir moito eses días, nos obrigou a ralentizar os nosos plans de aclimatación.
De todos modos eu empecei a traballar porteando material ata unha altitude de 4650m.
A rutina diaria era certamente maravillosa: almorzar, tratar de pescar, portear auga, ler, portear material, xantar, falar con algún pueblerino… Unha vez recuperado o enfermo e a motivación tratamos de chegar á base da montaña para avaliar as posibilidades de ascenso e os riscos que había que asumir para facer un ataque ó seu cume. As informacións das que disponíamos eran malas e se confirmaron ó undécimo día de estancia no Huayhuash. A 5200m de altitude, no glaciar do Yerupaja decidimos que este non é momento de escalar esta montaña: está destrozada debido á tremenda recesisión glaciar. O noso gozo nun pozo.
Nese momento poñemos en funcionamento o plan B: tentar algunha escalada na Cordillera Blanca. Iniciamos a recollida dos bártulos e logo a viaxe de volta a Huaraz.
Cinco días despois estamos no fondo da Lagoa Parón, a 4100m de altitude, para atacar a cara Suroeste do Nevado Artesonraju de 6025m. Trátase dunha das tres xoias da coroa desta cordillera; unha perfecta pirámide nevada cunhas paredes de 1000m de desnivel absolutamente atractiva. Gozamos duna boa aclimatación, que nos permite gañar mil metros de desnivel nun día e montar a nosa tenda a 5100m, xusto na base da montaña. O día 20 de Xullo á unha da mañá iniciamos a ascensión. Ás once horas estamos no cumio. Os últimos trescentos metros de escalada foron moi duros, debido ó mal estado da neve e ós efectos da altitude. O día é radiante pero moi frío. O descenso facémolo rapelando pola mesma vía, empregando estacas de neve como puntos de anclaxe, o que para nós foi algo mosqueante, dado a pouca consistencia do terreo. Despois de 15 horas chegamos á tenda de campaña moi fatigados pero contentos. Na mañán do día 21 descendemos ata o campo base onde Justino nos recibe cunha aperta e nos prepara unha suculenta comida a base de pasta.
Os cinco últimos días foron de relax, de turismo e de compras por Huaraz. O día 28 de Xullo collimos o avión rumbo a Madrid e o Capitán Pacheco, comandante da aeronave, dirixiu o avión cara ó norte sobrevoando o Yerupaja e a Cordillera Blanca. Un fermoso colofón para unha fermosa viaxe.