EscaladaNoticias

CUMPREANOS IN-FELIZ DO ROCODROMO

Incrible pero certo, Ferrol leva un ano enteiro sen rocódromo. Unha instalación deportiva municipal que era usada a diario por xentes de todas as idades.

Se este tema se dera neses deportes onde corren 10 ou 22 e o resto miran… de seguro que xa estaba máis que amañado pero…  E logo pregúntanse por que non participamos por exemplo na Gala do Deporte: pero se pasan de nós!!!!

UN ANO ENTEIRO, para unha instalación que a manteñen, amplían e coidan os propios deportistas. A anterior corporación foi nefasta para este tema, aínda agardamos pola porta de acceso propia que ía inaugurar o anterior alcalde. Pero levamos case un ano desta corporación e os 18.500€ que custa dar os pasos mínimos para botala a andar de novo, non aparecen.

Este venres 6 de marzo fomos até A Malata para “celebrar” este triste cumpreanos… e para mostra a foto da tarta como manda a tradición… E tras soprar a candea, aí quedou o globiño co “1” trepando na parede! Agardamos que este sexa o primeiro e derradeiro aniversario do rocódromo de Ferrol pechado, precisamente neste 2020 no que a escalada deportiva estréase como deporte olímpico en Tokio.