ActividadesAulas VerdesMarcha NórdicaNoticiasRaids e Orientación

Así foi a nosa finde: Orientación, Marcha Nórdica e percorrido ambiental pola Costa Ártabra

Esta pasada fin de semana despregamos unha ampla e variada actividade. O sábado á mañá celebramos a xornada de iniciación á Marcha Nórdica no Centro Cívico de Canido, grazas á colaboración da Asociación Veciñal de Canido, e continuamos baixo o sol do paseo de A Malata. Esta iniciativa foi organizada polo Club de Montaña Ferrol e a Federación Galega de Montañismo dentro da campaña para estender o coñecemento e a práctica desta actividade deportiva saudable en Galicia. Se estás interesad@ nesta modalidade deportiva contacta co club.

Pola tarde e cambiando o escenario ao Concello de Ares con outro deporte de orixe escandinava, enchemos as rúas e os paseos con pequenos e maiores, mapa e compás en man, para atopar as balizas agachadas pola vila na xornada de iniciación á Orientación Deportiva. A xente quedou contenta e con ganas de repetir a experiencia.

Xa na xornada do domingo pola mañá fixemos un percorrido interpretativo ambiental dentro das actividades paralelas á Marcha Costa Ártabra 50 km a pé, que celebraremos por quinto ano o vindeiro 9 de xuño. Desta volta andamos, da man do noso compañeiro o biólogo Pedro F. Flores, a zona costeira dos Montes de San Xurxo no LIC Costa Ártabra. Alén das pegadas da fauna e a flora, andamos unha paisaxe costeira gardada por A Herbosa e as Gabeiras, as illas ferrolás, e aproveitamos tamén a ocasión para facer unha foto de familia ante unha “milla” que lembra a herdanza naval do noso concello.